martes, 3 de marzo de 2015

Un exercicio para sincerarse: Establecer, coñecer a nosa escala de prioridades


 Expreso, con modestia, algunha diferencia respecto do papel do determinismo e o instinto no proceso madurativo, pero en xeral esta aportación novamente extraída de Timothy Gallwey arroxa ben de luz sobre a importancia da intuición, da intelixencia suma que provén da experimentación gravada no subconsciente e do establecemento dun xeito de vida elexido sobre a valor que lle damos á autoesixencia condicionada por factores externos fronte á autorrealización como timón suficiente para pilotar a nosa vida. Son reflexións aplicables a toda actividade humana e a toda esixencia competitiva e de obtención de resultados medibles.





[ ... a necesidade de abandonar o xuízo sobre un mesmo e os demais mediante os conceptos de "bo" e "malo" abriranos o camiño para acceder á claridade.]

O estrés é cada vez máis común nunha época na que as presións nos xorden de todos lados. Neste sentido, unha cousa é segura: as presións exteriores seguiranse producindo e probablemente aceleren o seu ritmo e aumenten a súa intensidade. A causa da maior parte do estrés pode resumirse coa palabra "apego". Liberarse do estrés non implica necesariamente privarse de moitas cousas, senón máis ben ser capaz de desprenderse do ego cando sexa necesario, e saber que un seguirá estando ben. É algo que provén do feito de ser máis independente -con máis confianza nos propios recursos para manter a estabilidade-.
Esta sabedoría para crear unha estabilidade interior é un requisito imprescindible para ter unha boa vida nos tempos que corren. Existe un "eu" interior que ten as súas propias necesidades. Este eu que posúe todos os dons e capacidades cos que esperamos conseguir calquera cousa na vida, ten os seus propios requisitos. Trátase de esixencias naturais que nin sequera tiveron que ensinarnos. Cada "eu" número 2 foi dotado ao nacer, independentemente do lugar, dun instinto para realizar a súa natureza.
Quere gozar, aprender, comprender, apreciar, emprender, descansar, ter saúde, sobrevivir, ser libre para ser o que é, expresarse e achegar a súa propia contribución. As necesidades do "eu" número 2 preséntanse cunha urxencia moderada pero constante. Certa sensación de satisfacción embarga a quen está a actuar en sincronía co seu "eu" interior. A cuestión fundamental é saber que tipo de prioridade lle estamos a dar ás necesidades do "eu" número 2 con respecto ás infinitas e opresivas presións exteriores. Cada individuo ten que encontrar a súa propia resposta a esta cuestión.
O maior causante do noso estrés fomos nós mesmos. Pero as esixencias coas que producimos estrés non son realmente nosas, senón que as incorporamos unicamente porque as escoitamos dende pequenos ou porque son aceptadas socialmente. Pronto, estas esixencias comezan a resultarnos moi naturais e é máis doado poñerlle atención a elas que á chamada sutil pero insistente do noso propio ser. O "eu" número 1 non se dá por vencido doadamente nin tampouco o "eu" número 2. Liberámonos do estrés na medida que actuamos dende o noso verdadeiro ser e deixamos que cada momento sexa unha oportunidade para que o "eu" número 2 sexa o que é e desfrute do proceso. Trátase dun proceso de aprendizaxe que dura toda a vida.




                                                         © Foto: Santi Casal

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...