viernes, 29 de junio de 2012

PÁDEL EN TEMPO DE CRISE

As expectativas son de que o paro aínda vai seguir medrando ate o vintesete e medio por cento para tocar fondo no dous mil trece, e logo iniciar unha lenta ¿? recuperación a partires de 2014.
É un feito que moitos do afeccionados ao pádel tiveron que recortar drásticamente o número de sesións para priorizar as partidas máis elementais, destinadas á vivenda, alimentación, educación dos fillos, etc. Logo hai que pensar en canto presuposto podemos gastar en aluguer de pistas ao mes e buscar a mellor fórmula para convertilo nun nº de prácticas razoable. Así, para un presuposto reducido, de por exemplo 30 euros/mes, a opción máis interesante pasaría por buscar un club no area metropolitana, canto máis preto mellor, que ofreza ben un sistema de bonus ben a través dunha cota de abonado a posibilidade de abaratar moito o importe por hora. Esta última opción é a máis aconsellable sobre todo se xoga toda a familia. Por último algunhas recomendacións para que o diñeiro non se esfume lentamente:
Levar a botella de auga da casa, e mellor aínda se é da billa, filtrada cunha xerra Brita (custo por litro: 4 cts.).
Elección do material: hai magníficas zapatillas e palas de tempadas anteriores moi rebaixadas. As primeiras abonda con que sexan estables e teñan moi boa amortiguación. En canto ás palas, seica toleamos ou que? Temos unha morea delas para probar entre as que teñen os compañeiros para non ter que dar paus de cego e andar a cambiar cada vez que sentimos falar dun modelo novo que atesoura tecnoloxía herdada da NASA o o carallo vintecinco. O avance só estriba na tutorización e no grao de motivación. E ¡ollo!: non son mellores as clases máis caras. Hai profesores honrados moi eficaces pero sen moita sona porque non se promocionan desde a faceta de xogadores. Profesores moi formados, con experiencia e mestría que ademais personalizan as clases. Son a antítese deses outros profesores estrela que semellan interpretar as clases como unha oportunidade para amosar as súas destrezas na volea e manteñen aos alumnos case que toda a hora no fondo da pista desorientados e en loita coas súas discapacidades en vez de explotar as súas capacidades. Agora ben, o que pague 400 euros ao mes porque lle conten contos chineses e para poder presumir de que recibe clases de Fulanito ou Menganito, pois problema del e un “hurra” polo vendedor de fume. O peor é que ao mesmo tempo chóranlle a merenda aos cativos ou escatiman nun seguro deportivo.

¡E as palas! Para a meirande parte de xogadores de club investir 240 euros e unha boutade. Hainas coas mesmas prestacións por 70.
Ben, os seres humanos sómosche así de vaidosos. Logo, para lavar a conciencia despois de gastar 1.500 euros ao ano por interpretar o deporte como unha boutique e unha pasarela á estimación social se donan parte das recadacións dos torneos a causas solidarias. ¿? Non sería mellor facerse socio co que se aforrara na práctica desmesurada no fondo e nas formas?
Como non atopar semellanzas cos rastrillos de Nadal organizados polas Pititas e as marquesas de Pitiminí para recadar catro cadelas e logo volver ás súas mansións a pifar viúva de Clicquot sen remordementos para brindar polo éxito da mesa petitoria?
Que non, home, que non. O deporte é o deporte, federado ou popular, e os convencionalismos sociais son outra cousa... son o teatro do mundo.

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...