jueves, 30 de junio de 2011

UNHA CUESTIÓN DE CONCENTRACIÓN

Un factor diferencial que distingue aos grandes competidores é a súa capacidade de concentración. Atención, atención, atención son as tres normas básicas que segundo Swammi Vishnudevananda son precisas para acadar grados superiores de realización persoal.
No pádel a focalización é precisa tanto nos aspectos técnicos como nos tácticos. Empézase por non perder de vista a pelota, atender á composición xestual, fixarse na propia posición na cancha e na dos demais protagonistas: compañeiro e adversario, atender ao vento, a lonxitude da herba, á altura do bote, ás sensacións coa pala, á actitude dos actantes, os seus cambios de humor a respecto do resultado... atención para percibir as fortalezas e as debilidades, identificar as oportunidades. Atención para xogar por anticipación e non só como reacción; para, dese xeito, marcar o ritmo do partido. Atención para seleccionar o golpe, a empuñadura, o lugar onde dirixir o golpe. E tamén para marcar os espazos de pausa, a mímica, a exteriorización dos humores.
Unha vez xoguei un partido cun compañeiro zurdo e durante todo o encontro non fixeron outra cousa que xogarlle á súa dereita, por certo moi solvente. Ao rematar o partido e xa nos comentarios loubaron o ben que defendía as pelotas ao seu revés ¿? Non se decataran de que era zurdo.
Para rematar, agora no verán, co suor, moitos xogadores desconcéntranse porque non treman ben do grip, aínda que sexa novo. Para solucionalo non hai mellor cousa que anelar os dedos co esparadrapo de tela branca marca leader price (Gadis), que permite agarrar o puño como unha lapa. Un rolo abonda para unha chea de usos.

martes, 28 de junio de 2011

¿UN DEPORTE DE PIJOS?

Polo feito de que Aznar ganara tódolos anos un torneo no Levante hispano tendo de parella a Alberto Rodríguez Piñón non podemos inferir que o pádel sexa un deporte para vantaxistas. Si que é certo que a vaidade é unha paixón motivadora que subxace en este deporte como en poucos. Hai un clima de interese desmedido por mostrar as propias habilidades e falar dos resultados acadados en este ou en aquel torneo. É humano. Os clubs sábeno e saben tamén que teñen aí a súa razón de ser principal como animadores deportivos. Non hai como alimentar esa natural tendencia a que o entorno social integre aos seus individuos en razón da súa capacidade de liderado e tamén de mellora e crecemento.
Bromas aparte e sabendo como sabemos que si hai empanada e cervexa gratis a familia do pádel prolonga aínda máis as súas relacións de tarde de verán, o certo é que o pádel, como calquera outra actividade humana, é unha actividade complexa para cuxa sublimación precisa do meirande esforzo humano e, aínda máis, de talento e carácter. Chegado o intre da competición toda a feira da vaidades importa ben pouco. O que cobra interese e protagonismo principal e o que houbo antes de esforzo persoal e o que hai no presente de capacidade para abstraerse do accesorio e concentrarse no principal: acadar a excelencia. O pádel, como tantas outras actividades nas que o ser humano concentra a súa potencia creativa, aflora como unha escola da vida.

lunes, 27 de junio de 2011

APOLOXÍA DO GLOBO

Os que chegamos ao pádel procedentes do tenis e tiñamos un xogo tildado de conservador porque abusamos do globo para manter máis aló da raia de fondo aos pegadores e aos grandes voleadores, os que non tiñamos vergoña en blandear bolas e poñer a proba a paciencia do adversario con series de máis de vinte golpes, todos eses estamos de sorte cando xogamos na pista de 20 x 10 metros con paredes.
Todo son vantaxes se executamos globos canto máis altos e profundos mellor. En todo caso, aínda supoñendo que os contrarios os devolvan desde o fondo da pista rematando, poderemos estar na rede para volear. Pero as máis das veces atoparemos respostas que nos darán a oportunidade de cobrar vantaxe.
Por tanto desde Padel Oleiros non queda outra que facer unha homenaxe a O GLOBO como un golpe que, se está ben executado de xeito continuado, é merecedor de ser integrado como prioridade absoluta nas escolas de pádel, encontros técnicos de adestradores e, sobre todo, na galería de xestos útiles máis alá dos prexuízos dos que consideran que hai que pegarlle a todo e saír á cancha coma un xabarín do Bierzo.

viernes, 24 de junio de 2011

A ROTURA DE FIBRAS NO XEMELGO

Onte, no Estrella de Galicia, un dos adversarios da parella Luis Torremocha e Pablo López sufriu unha moi dolorosa rotura de fibras nun xemelgo. A sensación no instante da rotura e coma se che deran coa punta dun látego, e logo queima. Mais non hai que sacar as cousas de nai, pois seguindo ben o tratamento, recuperase un bastante ben e logo adquírese cultura para evitar recidivas.
No momento da rotura cumpre aplicar xeo e namentres se é trasladado a un centro médico onde teñen de inmobilizar a perna cun vendaxe compresivo. Ademais será preciso tomar antiinflamatorios. Se sodes hipertensos, decídello ao médico para que elixa o máis axeitado. E recomendable tomalo cun protector gástrico. Dependendo da magnitude da rotura entre catro días e unha semana poderemos empezar a pousar o pe no chan, a modo, calzados con zapato de tacón para que o percorrido do músculo sexa menor ao principio e sempre coa axuda de muletas. E o momento de empezar a rehabilitar. Os primeiros días só podemos recibir ultrasons e láser. Logo, conforme as molestias van desaparecendo, hai que empezar a estirar ata onde non se produza dor e, ao mesmo tempo, ir incorporando a masaxe polo fisio, para evitar a formación de adherencias no tecido cicatrizal, que si lle quitarían calidade ao músculo, con maior propensión as recaídas.
Sempre fiándonos da sensación e evitando a dor, iremos vendo, pode que a partir dos quince días ou en casos máis graves a partir do mes, a posibilidade de introducir exercicios progresivos de potenciación muscular, ata que notemos que a recuperación é total.
Pola miña experiencia, eu aconsello a utilización durante os seguintes tres meses -ou se cadra para sempre- dunha vendaxe de compresión media (valen as medias elásticas que se usan para mellorar a circulación de retorno; téndelas en decathlon, en Runner´s Shop e na Casa do Auga), utilizar de xeito preventivo Radio Salil, Aspitopic, Reflex -calquera deles- e, sobre todo quentar moito e ben. Mais aínda se coméstedes copiosamente o estades xa nunha idade.



miércoles, 22 de junio de 2011

COMO GAÑAR PARTIDOS DE PADEL

Dez consellos para afrontar mellor os encontros de competición

1,-ESTUDAR BEN AO CONTRARIO
2,-EXPLOTAR AS SÚAS DEBILIDADES
3,- FACER BEN O QUE SE SABE FACER BEN
4,- NON PROBAR GOLPES NOVOS O DÍA DA COMPETICIÓN. PARA ISO ESTÁN OS ADESTRAMENTOS
5,-NON ENCOLLER O BRAZO BAIXO NINGUNHA CIRCUNSTANCIA
6,-PROCURAR, COMO MÍNIMO, XOGAR AO MESMO NIVEL CO QUE ADESTRAMOS
7,- XOGAR CADA PUNTO COMO ALGO ÚNICO, SEN MIRAR ATRÁS NIN TAMPOUCO FACER CONTOS DA LEITEIRA.
8,- TER PACIENCIA. CANDO ENTRAMOS NA PISTA É COA DISPOSICIÓN DE PASAR NELA DEZ HORAS SE FORA PRECISO.
9,- A PRESENCIA DOS ADVERSARIOS E UNHA OPORTUNIDADE PARA O NOSO CRECEMENTO.
10,- ESTE É UN XOGO DE PARELLAS. SE AXUDAMOS A MEDRAR AO NOSO COMPAÑEIRO TAMÉN MEDRAMOS NOS E VICEVERSA.

lunes, 20 de junio de 2011

O PARTIDO MÁIS LONGO (A outra cara, amable, do pádel)

Nas estatísticas figura como tal un encontro de dezaseisavos de final celebrado o 27 de Outubro de 2011 no marco do Torneo Social de Oropesa del Mar. Enfrontábanse dúas parellas de sona local que tardaron sete horas e vinte minutos en sacar de dúbidas -a respecto do resultado- aos poucos parentes e familiares que resistían nas gradas.

Varios datos axudaránnos a mellor comprender a natureza da contenda:
-idade media dos participantes: 52 anos
-nº de golpes por xogada: 17,4 (vs. 7,1 media torneos)
-Golpe de Dereita, fondo pista: 9,5% (vs. 7)
-Golpe de Esda., fondo pista: 6,7% (vs. 4,5)
-Bandexa fondo pista: 12% (vs. 9)
-Bandexa medio pista: 14% (vs.5)
-Saída de Globo: 40% (vs.25)
-Voleas na rede: 12% (vs.32)

Distancia media percorrida por xogador/hora: 700 Mts. (vs. 9 Kms.)
Distancia total percorrida nas 7 horas e vinte minutos: 5 Kms e 250 mts.
Calorías consumidas por hora: 280 (total: 1.800)
Calorías ingeridas: en bebidas enerxéticas: 10 x 380...... 3.800
no postpartido: 3.900 co churrasco, 1.500 coa cervexa, e 1.200 coas copas
Balance: + 8.500

DATOS ANTROPOMÉTRICOS E VARIOS DOS PARTICIPANTES

Peso en Kg./xogador: 94 (vs. 75)
Tempo de quencemento: 3' (vs. 12)
Tempo transcorrido desde comida anterior: 1 hora (vs. 3H, 30')

Acceso á práctica: aos 45 anos. Reciben un mes ao ano clases dun monitor ao que logo invitan a unha churrascada.

Extracción social: clase alta. Burguesía acomodada e sen cargas familiares por motivo ningún: 1 militar en excedencia previa á xubilación, 1 prexubilado da Banca, 1 rentista, 1 accionista maioritario dunha empresa de consulting e tamén conselleiro dun banco.
Situación inmediata: de vacacións sen data de finalización.
Aloxamento: adosados en urbanización de luxo, ao pé do mar, 2ª vivenda.


As cousas non suceden porque si. E sempre hai un minuto de gloria agardando a ser vivido por aqueles que están dispostos e atentos.

jueves, 16 de junio de 2011

A ELECCIÓN DE PALA

O criterio máis importante á hora de elixir a pala máis doada para o noso xogo é o da eficacia. Un erro moi frecuente é o de mercar a pala atendendo a factores illados, tomados de un en un, como a lixeireza, a potencia, o control a manexabilidade ou, o que é máis grave, a estética, a marca ou a relación prezo-calidade que anuncian os fabricantes. Mais ao fin o verdadeiramente importante é decantarnos por esa pala coa que acadamos os mellores resultados póndonos a proba na disputa de puntos, sexa en competición real sexa en tests simulados.
Por tanto, cumpre decantarnos por unha ou outra pala despois de probalas ben e nunca mercando por catálogo ou vendo na mesma tenda o cómoda que chega a ser na man.
Convivo a diario con xogadores amargados pola epicondilite, en case que tódolos casos evitable coa axeitada elección da pala e tamén do grip. Unha ferramenta moi lixeira non nos eximirá do exceso de tensión se non despide ou non absorbe vibracións. Unha pala de ataque, co balance adiantado e un peso elevado será un canón só ata que o antebrazo o permita. Un exceso ou un defecto no ancho do grip provocarán un abrazo estresado da man. Por tanto probemos as palas para elixir unha que non sexa ni pesada nin lixeira de máis, que despida ben e que teña un punto doce amplo, e que nos permita golpear tendo a seguridade de que poñemos a bola no lugar onde apuntamos sen necesidade de crispar a musculatura. Sempre haberá unha ferramenta que axudará a mellorar o noso xogo e fará que esquezamos as nosas lesións, e non ten por que custar un ollo da cara.

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...